Rede de Lexicografía (RELEX)

A Rede de Lexicografía (RELEX) une a oito grupos do sistema universitario galego (ROMANYCOM, GLEX, FILGA, HUMBOLDT, ITALIANÍSTICA, LITEX, TALG e FRASEONET) e seis doutras universidades (Lexicografía, Lexicología e Historiografía Lingüística da Universidad de La Laguna; IULATERM e INFOLEX, do IULA, Universitat Pompeu Fabra; LICEI, da Università de Bologna, campus de Forlì; GRiLS, da Università di Milano; o grupo Lessicografia italiana monolingue e bilingue, da Università di Torino, e o Lexicography group da Stellenbosch University en Suráfrica). Todos eles teñen a lexicografía entre as súas principais liñas de investigación.

RELEX ten como obxectivos impulsar a investigación e a docencia de todas aquelas liñas de traballo relacionadas coa lexicografía, promover a divulgación e a transferencia á sociedade dos coñecementos e resultados emanados de ambas as dúas actividades, potenciar a formación de docentes e investigadores en lexicografía e favorecer a sinerxía e a cooperación de todos aqueles grupos que traballan neste ámbito.